26 jun 2013

AGE acusa a Feijóo de ser un “rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, acusou ao presidente da Xunta de “ser un rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros. Todo isto adobiado coa habitual restra de mentiras e medias verdades que engalanan a acción de goberno do señor Núñez e os seus secuaces. Foi na última sesión de control ao xefe de Executivo no actual período de sesións, cando Alternativa preguntou arredor da súa estraña querenza por ocultar información ao Parlamento de Galicia. “Cantos escritos debemos presentar para coñecer os contratos da Xunta co seu amigo narco Marcial Dorado”, interrogou Díaz. Por suposto, Feijóo non se deu por aludido.

“Vostede minte, minte e minte”, insistiu a viceportavoz de AGE, desta volta en relación á actitude do Goberno do PP na fusión e posterior desaparición das caixas de aforros. “Vostede dixo que a de KPMG era unha auditoría e que avalaba a fusión. Pois ben, nin era unha auditoría, que era un caderno de vendas, nin recomendaba unha fusión”. Díaz tamén lembrou que esa falsa auditoría custou 1.300.000 euros de todas as galegas e galegos e que o Goberno non permite o acceso público á mesma.
A viceportavoz explicou, ademais, que en marzo de 2010, cando se realizou o informe de KPMG, “todo o mundo sabía que as preferentes eran produtos tóxicos” e, aínda así, no caderno de vendas de KPMG recomendaban vendelas para facer fronte aos problemas das caixas. Alternativa Galega de Esquerda non se considera atinxida pola declaración de “segredos” dos papeis solicitados pola comisión de investigación das caixas no Parlamento e Yolanda Díaz anunciou que o grupo parlamentario difundirá publicamente esa información.

20 jun 2013

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é un novo ataque ao dereito á saúde

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é, segundo a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, un novo ataque ao dereito á saúde da cidadanía. O pasado un de maio a Consellaría de Sanidade anunciou a redución de medicamentos e accesorios sufragadas polos cartos públicos, amparándose en que o Estado deixaba de financialos. Esta tarde, na comisión parlamentaria 5ª, en resposta a preguntas da parlamentaria Eva Solla, a Xunta volveu empregar esa escusa para xustificar a continuación do labor de zapa que realiza o Goberno do señor Núñez sobre a sanidade pública.


“A que está a xogar a Consellaría de Sanidade coa xente”, preguntouse Solla, “por que existe algún estudo previo do
impacto desta medida? Van compensar as rendas baixas?”. Todas as cuestión caeron en saco roto, porque o enviado do Sergas ao Parlamento parapetouse tras a decisión do Executivo de Rajoy, como se non fose o PP quen goberna en San Caetano e na Moncloa. “Á xente válelle de algo  que vostede recite a lexislación estatal?”, insistiu a deputada de AGE, “porque en realidade vostedes atacan os máis febles e logo aínda veñen ao Parlamento a dicir que defenden a vida”.

A medida aprobada polo Sergas implica que quedan fóra do catálogo accesorios como as cámaras de inhalación pediátrica –que custan uns 40 euros e que os pediatras dos centros de saúde públicos piden ás familias para poder reutilizalos-, os apósitos para traqueotomías ou as sondas vexigais de baixa fricción –que poden chegar a custar ao paciente 200 euros ao mes

Os comedores escolares deben abrir no verán para atender o alumnado con problemas económicos

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez, esixe á Consellaría de Educación que abra os comedores escolares nos meses de xullo e agosto para atender o alumnado con problemas económicos e carencias nutricionais. Esta iniciativa, presentada nunha proposición non de lei, responde a que profesorado e asociacións de nais e pais veñen denunciando, ao longo do curso que acaba de rematar, o aumento de cativas e cativos con carencias alimentarias. “Mesmo confirmouse”, afirman os parlamentarios de AGE, “que o xantar realizado no comedor escolar constitúe a principal achega nutritiva da xornada para boa parte dos estudantes”.

Coa crise derivada do neoliberalismo extremo e as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez a forza de recortes e unha austeridade suicida, as condicións de vida das maiorías sociais empeoran día a día. 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro e 33.000 non reciben ningún tipo de ingreso. Datos do Instituto Galego de Estatística aseguran que seis de cada dez familias apenas dá chegado a fin de mes. 650.000 persoas están en situación de pobreza e 120.000, en pobreza severa. Neste contexto, os pediatras agrupados na Asociación Española de Pediatría insisten nos problemas de desnutrición infantil derivados do incremento da pobreza provocada polas accións da dereita que ocupa os diferentes gobernos.
Alternativa reclama, así, que os comedores escolares de vilas e cidades galegas abran durante as vacacións, o que permitiría que nenas e nenos accederán a unha alimentación axeitada e pide á Xunta un programa de atención socioalimenticio para os cativos de familias con dificultades socioeconómicas.

19 jun 2013

AGE non participará na pantomima da comisión de investigación das caixas se non se levanta o carácter secreto da información

O voceiro, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, anunciaron que continuarán o traballo de consulta e investigación do material aportado pola Xunta pero “practicaremos a desobediencia e o desacato” xa que non respectarán a imposición do PP de manter o silencio respecto ao que descubran.


Alternativa Galega de Esquerda pasará a ter estatus de observador na Comisión de investigación das caixas de aforros se o Partido Popular non reconsidera a decisión de considerar secreta a información remitida por parte da Xunta de Galicia relativa as caixas de aforro galegas. Así, o voceiro do grupo, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, explicaron que continuarán traballando e consultando toda a información aportada pero non participarán nas comparecencias nin na elaboración do ditame xa que “non seremos cómplices deste fraude e engano a cidadanía coa parodia de comisión de investigación que o PP pretende impoñer”. 


Os deputados e deputadas de Alternativa Galega de Esquerda advirten que practicarán ademais a desobediencia e desacato xa que non se se consideran obrigados a respectar o segredo e polo tanto manter o silencio sobre todo o que o grupo parlamentar descubra a través da información remitida ao Parlamento. “Non estamos dispostos a que nos convertan en servos nin acatar e obedecer as ordes que nos quera impoñer un grupo, nos somos leais aos nosos representados” declarou Xosé Manuel Beiras.

18 jun 2013

Proposición non de lei, presentada por AGE ante a Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, no proceso de Regularización das Embarcacións de Pesca

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa do seu deputado Juan Manuel Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

Exposición de Motivos:

Milleiros de pequenos armadores de Galicia, en realidade milleiros de pescadores artesanais, que co apoio suficiente da administración poderían crear emprego nunha situación como a actual, de acadar o apoio suficiente da Xunta de Galicia, están sendo de novo atacados polos gobernos de turno, neste caso polo proceso de regularización das súas embarcacións.

Durante anos a propia administración foi permisible co sector, incluso outorgando axudas públicas para modificar a realidade e configuracións das embarcacións utilizadas para a pesca nas nosas costas, polo que a día de hoxe a gran maioría das embarcacións cuias características actuais non concordan cos parámetros de orixe das mesmas.

O protocolo da Xunta sobre acoso escolar é improvisado, burocrático e punitivo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, cualifica o denominado Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, enviado onte acompañado dunha circular de instrucións aos centros públicos de ensino non é máis ca “unha medida improvisada da Consellaría da Educación ante as reiteradas denuncias existentes”. AGE vén manifestando a súa preocupación crítica polo aumento de casos e denuncias de acoso e violencia escolar.

Pero a solución ofrecida pola Xunta con este documento (pode consultarse completo nesta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/9678) presenta numerosos puntos escuros. O primeiro, explica o parlamentario Ramón Vázquez, refírese á súa elaboración de costas á comunidade educativa. “Non contaron cos observatorios da convivencia escolar, nin co galego, nin cos provinciais nin cos das escolas”, expón, “e tampouco con asociacións e colectivos dedicados ao asunto”. Ademais, os datos sobre os que se alicerzan as medidas de Educación baséanse en informes de ámbito estatal e datados no ano 1999.
“Todas as accións recollidas neste protocolo teñen a ver con cubrir fichas, é burocrático e punitivo, e non propón ningunha intervención”, critica Vázquez, “e despreza o papel dos orientadores dos centro públicos de ensino. Para poñerlle o ramo, fala de ‘medidas reeducadoras’, un concepto superado hai anos en pedagoxía”. Alternativa Galega de Esquerda presentará iniciativas para instar a que o Goberno do señor Núñez Feijóo elabore estudos precisos sobre o acoso e a violencia escolar e a partir dese diagnóstico real realice intervencións efectivas para eliminar o andazo.

17 jun 2013

AGE asegura que o Plan de parto da Xunta quedará en papel mollado sen un plan de aplicación

Alternativa Galega de Esquerda presentou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas sobre a posta en marcha do Plan de parto e Nacemento impulsado pola Xunta de Galicia instando á realización dun estudo da súa aplicación dado que senón non tería utilidade e quedaría en papel mollado.


Recentemente ven de publicarse dito plan que serve como guía para as nais dentro dun parto normal e cun feto san no que entre outras cousas inclúen recomendacións de non usar unha serie de manobras que hai anos eran habituais e que aínda se están a aplicar na rede de hospitais do SERGAS. Así mesmo, establécese a posibilidade de que as futuras nais escollan certos aspectos de como queren que sexa o seu parto, antes, durante e nos momentos posteriores. Para o grupo de Alternativa Galega de Esquerda resulta difícil imaxinar como a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde van conseguir cumprir algúns dos puntos do plan dada a situación de adelgazamento do Sistema Público de Saúde e o estado das maternidades e o estado das maternidades nos nosos hospitais. Polo que, sen un plan a curto, medio e longo prazo de ditos servizos, o contido deste Plan de Parto e os dereitos das futuras nais poderían quedar en papel mollado tal e como sinalan os deputados de AGE, Eva Solla e Xabier Ron.
Por este motivo, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galicia a publicar, como mínimo anualmente, un informe que inclúa información sobre o número de plans de parto e nacemento empregados nos hospitais públicos galegos; o número de aminiorraxias, episiotomías, administracións de oxitocina endovenosa e partos instrumentados realizaronsonse en partos eutócicos e distócicos; balance do estado dos servizos de atención ao embarazo e parto; plan de traballo anual para acadar a atención desexada nun parto eutócico; así como un anexo económico, con explicación dos investimentos da Consellería de Sanidade para o mantemento e mellora dos servizos.
Por outra banda, AGE presentou varias preguntas para saber qué medidas pensa adoptar o SERGAS para mudar os protocolos de atención para adaptalos á utilización do Plan de parto, como vai garantir que se cumpra en todas as maternidades e cómo pensa formar ás e ós profesionais para asegurar que os termos contidos no mesmo se cumpran.
En definitiva, desde o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda solicítase que a Consellería de Sanidade non quede no mero anuncio de aprobación dun plan senón que explique de qué xeito vaise poñer en práctica para se converter nunha realidade e non rematar por ser unha nova estratexia publicitaria do PP baleira de contido real para a cidadanía.

Pero como ademais do dito, nos insistimos en que ser nai ou non selo é un dereito das mulleres e non unha obriga, deixamosvos de acompañamento esta intervención da compañeira Eva Solla: